(ca) cgt galicia: COMUNICADO DA SS UNITARIA DE CGT EN NAVANTIA FERROL: O ACORDADO PARA A INDUSTRIA AUXILIAR É MANIFESTAMENTE MELLORABLEpor FEDERACIÓN LOCAL OBRERA A CORUÑA

a-infos-ca en ainfos.ca a-infos-ca en ainfos.ca
Sab Nov 10 08:32:59 CET 2018


A situación resúmese así: ---- 1) Os acordos aplicaranse en tres tramos: 40% á publicación 
no convenio provincial, 70% o 1 de xaneiro de 2019 e 100% en novembro de 2019. ---- 2) Os 
acordos entrarán a formar parte do convenio provincial como Disposición Transitoria. Esta 
disposición terá vixencia ata o 30 de xuño de 2020. ---- 3) Paralelamente, as compañías 
teñen que constituír unha asociación patronal. O prazo para facelo son catro meses. ---- 
4) Unha vez constituída, esta asociación patronal e os sindicatos ratificarán os acordos, 
momento en que os mesmos entrarán a formar parte do convenio provincial como Disposición 
Adicional, que terá a mesma vixencia có resto do convenio. (O convenio provincial remata o 
31 de decembro de 2019, pero manterá a súa vixencia mentres non se asine outro, segundo 
recolle o seu artigo 4).
É dicir, a solución acadada onte non é definitiva porque os acordos entran no convenio, 
pero como Disposición Transitoria con vixencia ata o 30 de xuño de 2020. Por tanto, se a 
asociación patronal acaba por non constituírse ou se, aínda constituíndose, non ratificase 
os acordos, estes desaparecían do convenio o 30 de xuño de 2020. Noutras palabras: os 
acordos entran no convenio provincial de forma provisoria.

A cuestión é: era este o único resultado posible? Non. Por que? Porque hai carga de 
traballo, e isto é favorable ós traballadores. Pero ademais de haber carga de traballo, 
ten que haber dúas cousas máis: 1) Vontade dos traballadores de loitar; 2) Vontade 
sindical de organizar a loita. A primeira haina, e dabondo, como quedou moi claro na 
asemblea xeral de compañías do venres 19 de outubro, que evidenciou un ambiente moi 
crítico coas limitacións do acordo (tres tramos, actualización das cantidades ó ano 2014, 
etc.). A segunda é obvio que falta.

Unha estratexia de mobilización firme, con implicación da principal e buscando a 
confluencia cos traballadores das outras factorías de Navantia, nalgunha das cales tamén 
hai un gran ambiente de loita da industria auxiliar, como se demostrou na exitosa folga do 
metal na bahía de Cádiz o pasado 13 de xuño, permitiría obter moito máis. ¿Ou acaso este 
acordo limitado alcanzouse grazas á negociación? En absoluto, alcanzouse grazas á folga de 
outubro do ano pasado. É máis, todo este asunto levaría un ano resolto se CCOO, UGT, MAS e 
os comités da principal chegan a apoiar a folga daquela, no canto de colaborar abertamente 
coa patronal para tentar afundila. En vez de aceptar acordos limitados, hai que darlle 
unha oportunidade á loita, o único camiño para que os traballadores logremos avances.

Tampouco se entenden tantas presas por ratificar isto. Despois de todo un ano de 
negociación, tendo que esperar aínda outro ano máis para poder cobrar o 100%, a que veñen 
tantas presas de celebrar hoxe ás 10:00 unha asemblea xeral para ratificar un preacordo 
acadado onte ás 21:30 horas? De verdade que non se podería explicar e debater primeiro en 
asembleas parciais, moito máis participativas, e que a asemblea xeral decisoria fose mañá 
ou pasado? Vese que, como en Navantia co convenio, tampouco na industria auxiliar hai 
moita vontade sindical de que os traballadores teñan tempo a ler con tranquilidade, pensar 
por si mesmos e chegar ás súas propias conclusións.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia Ferrol.

http://www.cgtgalicia.org/2018/11/comunicado-da-ss-unitaria-de-cgt-en-navantia-ferrol-o-acordado-para-a-industria-auxiliar-e-manifestamente-mellorable/


Más información sobre la lista de distribución A-infos-ca